Lugo con Historia

Muralla Romana de Lugo

Muralla Romana de Lugo

Unha impresionante fortaleza romana cun circuíto completo de máis de 2 km, coroada por torres semicirculares. Patrimonio da Humanidade, ofrece unhas vistas ú...
O corazón de Lugo, a antiga Lucus Augusti, está rodeado por unha muralla romana de máis de dous quilómetros de circundo. Quen coñeza as fermosas murallas medievais que se conservan en moitas cidades europeas, ficará abraiado pola enormidade deste monumento único. Porque esta impresionante fortaleza urbana, xa unha das máis grandes no seu tempo, é hoxe a única que conserva íntegro o seu perímetro nos tres continentes polos que se estendeu o territorio do Imperio Romano. Por esta razón, o 2 de decembro do ano 2000 a UNESCO inscribiu oficialmente a muralla de Lugo na lista de monumentos declarados Patrimonio da Humanidade, segundo o acordo tomado o 30 de novembro anterior. É ben sabido que ó redor de quince anos antes da nosa era o legado imperial Paulo Fabio Máximo fundou a cidade de Lugo, Lucus Augusti en honor do emperador reinante, que sería a capital da Gallaecia Lucense. A Gallaecia da época, que se acabara de incorporar ó imperio romano por medio das chamadas Guerras Cántabras, dividiuse en tres grandes circunscricións ou conventos xurídicos: o bracarense, o asturicense e o lucense. O país que actualmente chamamos Galicia ocupa todo o territorio da Gallaecia Lucense, unha pequena parte da Bracarense e outra máis pequena aínda da Asturicense. Lucus Augusti foi unha gran cidade provincial, situada estratexicamente nun importante nó de comunicacións; lembremos que, segundo conta Plinio, das minas da Gallaecia Roma obtiña dez mil libras de ouro cada ano. Entre finais do século III e principios do IV, cando a cidade era xa tricentenaria, realizouse unha reforma que desprazou lixeiramente a súa planta cara ó norte, aínda que seguiu coincidindo na maior parte coa ocupación primitiva. Eran xa tempos críticos desde o punto de vista político e militar, e ó redor de Lugo ergueuse unha poderosa defensa nova: unha impresionante muralla pétrea de 2.266 metros de circundo, coroada por 85 grandes torres semicirculares de entre dez e trece metros de diámetro, que orixinalmente se elevaban sobre o adarve con grandes fiestras en cada unha das súas dúas ou tres plantas. As torres tiñan acceso desde o interior da cidade por senllas escaleiras abertas a media altura na muralla, que serían completadas talvez por escadas de madeira movibles. O espesor medio dos muros é de seis metros; o adarve, que agora está entre os oito e os doce metros por riba do chan exterior, tería daquela unha altura máis regular, e estaría coroado e defendido por ameas. Por fóra, fosos de máis de vinte metros de ancho e uns cinco de fondo dificultarían tanto a aproximación de máquinas de asedio como a escavación de minas. As cortinas, ou lenzos do muro entre as torres de defensa, oscilan entre os 8,80 e os 16,40 metros de ancho, de xeito que os posibles asaltantes serían batidos polo tiro cruzado dos defensores. Así era a muralla romana de Lugo, cidade agora bimilenaria. Dezasete séculos pasaron, a súa función militar caducou, as torres foron caendo, agás un resto na Mosqueira, abríronse novas portas, que agora son dez, a poboación estendeuse por fóra... Pero o circundo consérvase completo, e aínda se poden ver 71 cubos ata o nivel do adarve que lle dan a esta tremenda fortaleza o seu carácter inconfundible. Das portas orixinais consérvanse tres con pouca modificación, e unha, a Porta Miñá, case como foi construída. Varias das escaleiras de acceso da gornición están hoxe á vista. O adarve, que ten unha anchura duns catro metros, é un paseo tradicional extraordinario, ó que se accede por escaleiras relativamente modernas arrimadas ó paramento interior. De día é o mellor miradoiro sobre a cidade vella, romana, medieval, barroca e liberal; de noite, grazas a unha discreta iluminación, é un poético paseo con moito de misterio.