Rutas de sendeirismo

Lucenses

Lucenses

Unha ruta histórica con muros romanos, pontes antigas, un contorno natural frondoso e un cemiterio icónico de relevancia artística e histórica. Ideal para tu...
A ruta dos lucenses ilustres condúcenos dende a Porta de Santiago ata o cemiterio de San Froilán. Faremos o percorrido atravesando un barrio histórico como o da Ponte, unha parroquia con moita sona como Piúgos, e unha rica natureza. PERCORRIDO Iniciamos o noso percorrido na Porta de Santiago, unha das máis antigas da Muralla Romana de Lugo. Foi de uso exclusivo da igrexa durante séculos, dando acceso ás famosas Hortas dos Bispos (hoxe en día barrio do Carme). Dende ela baixaremos cara o río pola Calzada da Ponte (antiga Calzada Romana) para unirnos á Vía Romana XIX á altura da Ronda do Carme. Camiñaremos todo recto e seguindo o Camiño Primitivo á inversa ata atoparnos coa Ponte Romana (orixe da contrución no século I). Unha vez pasada a mesma continuamos pola beira do río, pasaremos o Caneiro do Muíño, e un pouco despois da Ponte Branca (a máis moderna das pontes de Lugo) adentrarémonos no espectacular sendeiro que nos levara ata a parroquia de Piúgos. Pasaremos pola igrexa de Santiago de Piúgos e posteriormente tomaremos rumbo cara o cemiterio de San Froilán: un emblemático cemiterio municipal que data do ano 1948 aproximadamente, fiel depositario da memoria histórica da cidade. Con independencia da súa singularidade e beleza harmoniosa, conta cunha interesante bagaxe de construcións funerarias que foron trasladadas desde o antigo cemiterio municipal da cidade, situado na avenida de Ramón Ferreiro, o cal lle confire o seu valor artístico e histórico. Actualmente o Cemiterio adquiriu unha grande sona tanto polas actividades que se foron realizando no recinto dentro da programación anual, orientadas á súa consideración como un lugar de repouso, de paz e de reencontro persoal, como pola súa proxección europea, ao estar integrado na Ruta de Cemiterios Históricos Europeos. Como dato curioso podemos indicar que está construído sobre unha necrópole megalítica, e nas súas inmediacións consérvanse tres túmulos ou “mámoas”, aínda sen escavar. Foi construído polo arquitecto Eloy Maquieira, un dos principais representantes da arquitectura racionalista en Galicia, deixando rastro deste estilo na racionalidade esencial da súa distribución. Conta cunha superficie de 61.000 m2, cercada por 1 km de muro de pedra, á que hoxe habería que engadir a correspondente á zona ampliada cun total de 55.730 m2 máis as zonas de servicios. O noso regreso cara o punto de inicio da ruta farémolo pola estrada Vella de Santiago, gozando de espectaculares vistas da cidade.