Rutas de sendeirismo
O Vello Lugo Agrario
Este itinerario circular ten como punto de saida e de chegada a aldea central da parroquia de Santa Eulalia ou Santalla de Boveda, unha das mais fermosas da rexión central de Lugo, cunha excelente arquitectura popular e a singularidade de contar cun monumento unico no mundo. O santuario romano de Bóveda Foi descuberto en 1926, e xa en 1931 declarado Monumento Artístico Nacional, hoxe ten a cualificacion de Ben de Interese Cultural. Tratase dun pequeno edificio romano, posiblemente construído no século IV, non se sabe exactamente con que fin. Quizais estivese relacionado co culto das augas, e en séculos posteriores foi usado como igrexa cristiá, incluso se ten posto en relación co heresiarca galego Prisciliano, o primeiro mártir interno do cristianismo. Sobre este breve recinto teñen corrido ríos de tinta e aínda así segue sendo un misterio. Entre outras belezas, conserva unhas pinturas murais romanas de extraordinaria perfección e gran realismo taxonómico cun colorido abraiante. Santalla de Boveda é un dos grandes lugares maxicos de Galicia. A visita deste estrano monumento, sen igual en Europa, abonda xa para facer inesquecible unha estancia nestas terras. Paisaxe agraria e flora A ruta transcorre por unha paisaxe agraria moi viva, pero pouco afectada polas vicisitudes das últimas décadas. Consérvanse moi ben os carreiros, congostras, corredoiras e vereas, as súas marxes seguen ofrecendo ao caminante a fisionomia tradicional. Por outro lado, a agricultura e a gandería continúan activas e o carácter fortemente humanizado da paisaxe séguese mantendo, aínda que, naturalmente nas terras de labranza agora predominan verdes prados no canto dos clásicos cultivos principais de trigo e de patacas, con nabos e ferrañas de inverno, en alternancia de dúas mans. Un dos maiores atractivos son os muros ou valados que pechan as herdades, que amosan polo menos tres das tipoloxias clásicas dos cerramentos pétreos galegos: muro de chantos, muro de cachote capeado e muro combinado. A riqueza vexetal é grande. Abundan as carballeiras e os bosques mixtos ou fragas, cunha abundante representación, curiosamente case paritaria dos dous carballos mais característicos de Galicia (Quercus robur e Quercus pirenaica). Ademais vense ameneiros, bidueiros, castiñeiros, nogueiras e as dúlas especies autóctonas de freixo, diversos salgueiros, sabugueiros ou bieiteiros, sanguinos, estripos, acivros, as tres especies principais de toxos (arnal, femia, e gateño), xestas, queirogas, uces brancas... No noso camiño cruzaremos o fermoso rio Mera e o seu minúsculo afluente o rego Mendo, ben rodeados de arbores amigas da auga, entre as que domina o ameneiro e non faltan algúns chopos. E tamén atoparemos neles fermosas obras humanas: por exemplo uns excelentes muíños tradicionais, actualmente fora de uso, pero ben conservados xunto coas súas presas e obras hidráulicas. Itinerario Na praza ou rueiro principal, onde esta o monumento romano, collemos cara a aldea de Cabanas, seguindo os indicadores por un camiño estreito asfaltado. Vemos xa os tres tipos de cerramentos de terreos. Á esquerda temos unha chousa con arbores autóctonos e un forte eucalipto solitario, e á dereita un piñeiral. O camiño remata noutro xunta unha casa de ladrillo, na aldea de Cabanas (tamén da parroquia de Bóveda) Collemos á esquerda e entramos na aldea. Á dereita temos unha corte de ganado. A esquerda una boa casa de labranza con eirado pechado: hórreo, palleira, carballo e un portal lousado con laxes de canteiría, igual que a palleira. Despois da fonte collemos a esquerda, por un camiño que segue asfaltado. Cancelas de madeira, froiteiras ó camino, e imos chegar ao rio Mera. Xunto a el atopamos un bo muíño coa súa pendella. Seguimos polo camiño e cruzamos a ponte. Acábase o asfalto e imos por terras de monte baixo, con uces e toxos antes tan importantes na economía agraria como estrume para as cortes do gando e combustible para roxar os fornos do pan. A esquerda vemos o curso do rio, marcado polo arboredo da ribeira. A uns 250 m. chegamos a outra corredoira de terra e collemos a dereita para subir a San Miguel de Bacurin. Conforme subimos á dereita queda o río e á esquerda o prado, e logo xa a coutada do pazo de San Miguel, con coníferas, eucalipto e cultivo de abetos, ademais das arbores indíxenas. O irmos subindo vemos unha bela paisaxe a dereita, Cabanas e mais ao lonxe o campanario e os lousados de Santalla de Bóveda. Seguimos polo camiño de terra ata que remata nunha pista asfaltada, que collemos de fronte primeiro cara ao pazo, de fermoso portal, e logo cara a preciosa igrexa románica. Seguimos pola estrada beireando as terras do pazo. Coincidimos nun treito co trazado do Camiño Primitivo pero imos cara a Lugo non cara Santiago. Un pouco máis arriba empeza unha preciosa plantación de abetos. Collemos á esquerda por unha vella corredoira, o camiño da igrexa, que nos leva, entre carballos, prados e cultivos de coníferas a estrada e entrada da aldea de Portafontao. Atravesamos a aldea que pertence parroquia de Bacurín, entre campos de labor, carballos cultivados e esmoucados para leña coas súas características coroas de polas. Ó fondo, cabo dunha chousa collemos de novo unha corredoira sen asfaltar a esquerda. Segue a paisaxe agrícola. Logo, á esquerda bos piñeiros, e á dereita monte baixo con grandes laxedos de canteiría. Chegamos á estrada e seguindo a esquerda cara Santalla. Pasamos por riba do río Mera, e podemos achegarnos a ver os dous muíños que hai á dereita, co seu sistema hidráulico. É notable a quenlla no alto do prado, sistema de rego moi común nas montañas do Caurel ou dos Ancares, pero bastante raro na rexión central de Lugo. Volvemos á estrada, e na bifurcacion collemos á esquerda. Repararemos á dereita nunha fermosa carballeira cultivada, cunha grande palleira; e de contado estaremos outra vez en Santalla de Boveda, eixo, vértice e referencia da nosa camiñada polas terras agrarias de Lugo.