Lugo Verde

A senda do Fervedoira

A senda do Fervedoira

Unha ruta por Lugo con paisaxes espectaculares, arte urbana, vexetación frondosa e barrios pintorescos. Ideal para amantes da natureza e da cultura.

A senda do Fervedoira é un percorrido marabilloso pola natureza lucense, e máis concretamente pola contorna dun dos ríos ata agora menos coñecidos da cidade. Así como o Miño foi sempre popular, e o Rato e o Mera levan moitos anos séndoo... o Fervedoira agochou durante máis tempo os seus formidables encantos. Con saída dende a histórica Porta de San Pedro, e atravesando barrios moi senlleiros como o da Estación, Sagrado Corazón, O Portiño, Galegos, Castro Gil ou As Gándaras... este paseo non deixará indiferente a ninguén.

PERCORRIDO Este percorrido, clasificado entre os de 5-10 quilómetros, conta con tres zonas de descenso e tres zonas de ascenso. A primeira parte é xustamente en baixada, dende a histórica Porta de San Pedro (ou Toledana), unha das 5 máis antigas da Muralla, e que dá entrada -no vello Lugo- á Vía Romana XIX, ao Camiño Primitivo e á Vía Künig. Na parte inicial camiñaremos pola rúa Montero Ríos para en poucos metros atravesar o popular barrio da Estación, onde a propia estación de tren e as varias mostras de arte urbana (de artistas como Yoe 33, Primo de Banksy, Diego AS ou de colectivos como Concepto Circo e Otro Prisma) son algúns dos seus principais reclamos. No último tramo, dende a ponte que atravesa as vías ferroviarias, podemos contemplar a paisaxe de toda unha ampla zona de Lugo que medrou arredor da estación: Paradai, As Gándaras, ou o parque do Sagrado Corazón. Xa na rotonda do Sagrado Corazón debemos virar á dereita, polo Camiño de Friás. Unha memoria toponímica do barranco de Frías, que era o nome de toda a zona que actualmente é chamada barrio da Estación. Neste camiño atoparemos varias vivendas tradicionais e conectaremos co seguinte barrio da nosa ruta: O Portiño. Este pequeno pero singular barrio do Portiño é por algúns chamado -máis ou menos fantasiosamente- a pequena Venecia lucense, polo aspecto e pequenas pontes que locen na súa trama urbana e fluvial. Será o primeiro momento do paseo no que atopemos o río Fervedoira e o momento no que comezaremos o noso paseo á beira do seu cauce. No lavadoiro que atoparemos nese primeiro punto, nesa beira, comezaremos a nosa andaina. No primeiro tramo veremos con facilidade a senda pola que avanzaremos, pero poucos metros despois deberemos estar atentos ao GPS para non perdernos. Durante 5-10 minutos camiñaremos a carón deste precioso río que nace case 11 quilómetros máis arriba do lugar onde nos atopamos... onde? No Outeiro de Fompedriña (Vilachá, Lugo). Sempre está no aire a dúbida -con explicacións variadas- de por qué dende A Chanca, cando se une co río Rato, colle o río o nome deste segundo que é 3 quilómetros máis curto. Este primeiro tramo ten unha especial beleza pola exuberante vexetación de ribeira e o importante caudal que adoita ter o Fervedoira, pero non menos belo é o seguinte tramo do noso paseo polas corredoiras que comunican o río co Agro de Galegos. A toponimia nolo di todo: o agro de Galegos, as terras de cultivo dos veciños do barrio de Galegos. Unha personalidade que permanece no tempo pese a estar no século XXI e tan preto do centro da mediana cidade que é Lugo. Este é un dos nosos maiores encantos como destino viaxeiro! Unha idiosincrasia e un carácter único. Un pouco despois, na nosa camiñada, chegaremos á urbanización Castro Gil. É este un barrio que naceu a finais dos anos 60 e no que se atopa un dos recunchos máis fermosos e ó mesmo tempo descoñecidos para moitos lucenses: outro tramo do Fervedoira realmente espectacular no que podemos gozar facendo parada no noso camiño: dende a entrada do sendeiro podemos indagar unhas cantas ducias de metros sobre as rochas que decoran unha paisaxe de espectáculo. Xa comezando o tramo final da nosa andaina, camiñaremos polo Camiño da Igrexa e logo pola Calzada das Gándaras ata chegar ao Piñeiral do Sagrado Corazón, o noso último punto de interese da ruta e que é un espazo natural moi frecuentado polos veciños deste barrio tan popular e querido da cidade.