Mapa de Lugo

A beira oeste

A beira oeste

Bosques frondosos, sendeiros encantadores e patrimonio etnográfico ofrecen unha experiencia única para os camiñantes, con vistas impresionantes e unha rica h...
A beira oeste do Miño en Lugo é, de momento, a menos coñecida das dúas marxes do gran río da cidade. Dicimos de momento porque o potencial sendeirista e de esparcemento de toda esta zona é realmente fabuloso. Bosques, corredoiras de fantasía e patrimonio etnográfico -entre outros- vanvos namorar xa a primeira vista. PERCORRIDO Comezaremos esta ruta nun lugar simbólico: a pasarela de San Lázaro. Unha das pontes máis modernas sobre o Miño en Lugo, peonil, e profundamente romántica. É ademais punto de enlace de dous lugares de moito interese: a vella Fábrica da Luz e o conxunto monumental de San Lázaro. Propoñemos comezar a ruta na beira este para simbólicamente facer a travesía dunha beira a outra, pero é posible comezar o percorrido en calquera das dúas marxes. O primeiro punto de gran interese do itinerario atopámolo nada máis comezar: ese conxunto histórico (San Lázaro) do que xa falamos e que é xunto coa Ponte Romana o maior símbolo deste gran barrio lucense que é o da Ponte. Vello lazareto, cemiterio e igrexa do século XVIII, pero as primeiras referencias deste lugar remóntanse nada menos que ao século XII. Camiñaremos todo recto e seguindo o Camiño Primitivo á inversa ata atoparnos coa Ponte Romana (orixe da contrución no século I). Unha vez pasada a mesma continuamos pola beira do río, pasaremos o Caneiro do Muíño, e un pouco despois da Ponte Branca (a máis moderna das pontes de Lugo) adentrarémonos no espectacular sendeiro que protagoniza esta novidosa ruta. Moi frecuentados por pescadores, estes camiños polos que nos desprazamos hoxe condúcenos ata o lugar de Santalla de Cuíña, unha das parroquias máis senlleiras do municipio. Asombrarémonos coa frondosa e salvaxe vexetación (moi distinta á do resto de paseos fluviais) e sobre todo con algúns estreitos tramos de corredoiras, encaixonadas, que nos farán sentirnos dentro dalgunha película ou conto máxico. O ecuador da nosa ruta chegará cando pasemos pola igrexa de Santalla, onde atoparemos nun panel esta formidable información: "Segundo os historiadores, nesta parroquia estivo o antiquísimo mosteiro de Santalla de Fingoi, fundado contra mediados do século X por Eidoncia ou Aldonza Gundesindiz, irmá da podente condesa Paterna de Présaras. A advocación vive aínda na patroa parroquial e na aldea de Santalla; o topónimo Fingoi perdeuse nesta parroquia, pero continúa na outra banda do Miño, no que hoxe é o sur da cidade de Lugo" Que vos parece? Unha historia moi descoñecida para moitísimos lucenses, e que agardamos poñer en valor. A segunda parte do percorrido vainos levar primeiramente pola estrada de Cuíña, na que teremos que agudizar os sentidos e tomar as precaucións adecuadas á hora de camiñar por calquera vía de tránsito, pero o percorrido non perderá espectacularidade. Debemos aproveitar especialmente as paisaxes que nos brinda a maior altura respecto ao primeiro tramo da ruta. Unha vez chegados á estrada vella de Santiago debemos baixar por ela ata chegar o desvío de Pontegaos. Tomaremos este rumbo e atoparémonos con ese núcleo tradicional tan fermoso e curioso, dende o que tamén poderemos divisar unhas fermosas vistas cara o “novo Lugo” do sur da cidade. Chegados á rúa vella da Ponte, collerémola cara a esquerda e subiremos todo recto ata atoparnos cos mencionados bosques e cunhas incribles vistas cara o Miño. Un lugar onde a denominación de Reserva da Biosfera UNESCO toma todo o seu valor. Nestes bosques podemos pasar un bo rato desfrutando da natureza, e podemos aproveitar ángulos fotográficos marabillosos como algúns dos que miran cara a Catedral e o centro de Lugo. Atravesados os bosques, en canto chegamos a unha pequena estrada asfaltada, temos que tomar dirección cara a dereita en baixada de novo cara o conxunto monumental de San Lázaro.