Mapa de Lugo

Terra de canteiras

Terra de canteiras

Unha ruta rural en Lugo con paisaxes naturais, pontes e viadutos históricos, igrexas e bosques frondosos. Ideal para camiñar e gozar do campo.
Esta ruta, especialmente rural, vainos levar non só pola magnífica natureza lucense, senón tamén polas terras de onde din que proveñen probablemente moitas das pedras que hoxe -e dende hai 1700 anos- coroan a nosa gran cidade: Terra de Canteiras. PERCORRIDO Comezaremos o noso percorrido na Porta da Estación, unha das cinco portas máis modernas da Muralla e que foi contruída para abrir a cidade ás vías de tren cando este chegou a Lugo a finais do século XIX. Baixaremos cara o río Rato pola rúa Nicomedes Pastor Díaz, posteriormente Montero Ríos, e finalmente o Camiño de Friás. Unha memoria toponímica do barranco de Frías, que era o nome de toda a zona que actualmente é chamada barrio da Estación. Avanzaremos Rato abaixo cara o histórico barrio da Chanca, antes atopándonos co punto no que o río une as súas augas coas do Fervedoira, precioso río que nace case 11 quilómetros máis arriba do lugar onde nos atopamos. Unha vez chegados á Chanca gozaremos dunha contorna histórica formidable, coa Ponte Vella da Chanca e o Viaduto da Chanca (1871-1874) como protagonistas. Neste punto conectaremos co Camiño Primitivo a Santiago e faremos un pequeno tramo en dirección inversa aos peregrinos que camiñan cara Compostela. Subindo pola Chanca atoparémonos en primeiro termo coa igrexa de Santiago Apóstol en Castelo, atravesaremos o barrio, e durante un tramo do percorrido camiñaremos moi preto das vías de tren. Unha das poucas zonas da cidade na que se pode gozar deste privilexio. Unha vez deixemos as vías ferroviarias, entraremos na frondosa paisaxe da contorna do Rato: carballeiras, soutos e bosques centenarios que nos farán sentir moi alonxados da cidade. Nesta zona teremos infinidade de alternativas para avanzar no noso camiño. Nós propoñemos ir pola estrada de Penoucos cara Bosende e logo baixar cara o Rato, pero é tamén posible perderse e gozar dun fermoso paseo por esta famosa Terra de Canteiras, por exemplo indo ata Buratai ou Barbaín. O noso regreso cara o centro histórico farémolo si polo paseo cardiosaludable do Rato, tendo, iso si, a opción de facelo tanto pola propia marxe do río, como tamén polo paseo alternativo que está un pouco máis arriba na marxe leste. PUNTOS DE INTERESE Estación de tren: O ferrocarril chegou a Lugo no ano 1875 coa apertura do tramo A Coruña-Lugo, e dende esa data a cidade espandiuse cara ese leste do mapa. A estación de Lugo é unha estrutura de dous pisos de planta alongada e rectangular. Camiño de Friás: O Barranco de Friás era o nome que tiña o barrio da Estación antes da chegada do tren. Daquela antiga toponimia queda hoxe o recordo con este camiño que conecta a rúa do Portiño con Montero Ríos Río Fervedoira: un dos ríos máis longos da cidade e que trascorre íntegramente no termo municipal. O Fervedoira nace nas Carreciñas a 578 metros de altitude, no Outeiro de Fompedriña, preto da aldea de Vilachá, na parroquia de Labio. Despois de transitar polas parroquias de Rubiás, Pedreda e Santa María de Muxa entra á cidade polo barrio do Portiño e desemboca no río Rato, co que conflúe ata o río Miño.